XARRA DE TRAMPA DE BONXE (MEIGA)

En documentos de Felipe II do ano 1571 xa aparecen recollidas listaxes de oleiros que traballan xunto a labradores nas terras de Bonxe, concello de Outeiro de Rei (Lugo). Debido á abundancia de xente adicada a esta actividade esta terra sempre se coñeceu como "terra de oleiros".
Despois de escavar barreiras e extraer o barro que aparecía en filóns, transportábase en carros ata preto da vivenda, mantíñase húmido e mesturábase combinando dous tipos de barro: un de pouca liga e outro máis poroso.
Bonxe presenta un estilo moi característico nos seus recipientes podendo diferenciar as seguintes peculiaridades:

- Tendencia ás formas piriformes (pera).
- Bases estreitas
- Ombros altos e moi marcados
- Panza que diminúe ata unirse ó pé.
-A decoración xeralmente faise con bandas horizontais de barro diluído (onde poden aparecer medias lúas) e sitúase na metade superior da panza e na base.

A xarra de trampa era unha tipoloxía moi extendida pola península, podendo atopar exemplares en Segura de León (Badajoz), Cuerva (Toledo), Jiménez de Jamuz (León) ou en Cegama (Guipúzcoa).
Parece que esta forma foi introducida por comunidades de maragatos. Trátase dunha peza típica para gastar bromas nas tabernas ou nas reunións festivas. Leva unha serie de buratos que dificultan o seu uso, facéndose necesario coñecer o truco para evitar enchouparse. A elaboración deste tipo de pezas requería un bo coñecemento do oficio pois había que facer unha asa tubular cun burato no interior, un borde co beizo tamén tubular e tres biquelas, dúas cegas e outra unida co beizo e coa asa, que era pola que se bebía.
Formas parecidas ás destas xarras son as dos botixos chamados "de engano".

Mª del Rosario Fernández González

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA