MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

Creado en 1932 e inaugurado o 10 de xaneiro de 1934, o Museo Provincial de Lugo (declarado Ben de Interese Cultural o día 1 de marzo de 1962) estivo situado nun principio nunha das alas da planta baixa da Deputación. Pero o continuo incremento dos fondos fixo que estas dependencias resultaran axiña insuficientes para o seu cometido, polo que o devandito ente provincial decide trasladar o Museo ao antigo convento de San Francisco. Do proxecto do novo edificio encargouse Manuel Gómez Román (1875-1964), que conserva do vello cenobio a cociña, o claustro e o refectorio. Este arquitecto vigués leva a cabo unha construción con aires de pazo galego que sería inaugurada o 18 de setembro de 1957. Posteriormente, a finais da década dos sesenta e no ano 1997, o Museo foi obxecto de dúas novas ampliacións (dirixidas respectivamente por Pérez Barja e González Trigo) que incrementaron notablemente a superficie expositiva.

O edificio do Museo Provincial de Lugo está realizado en mampostería e granito, material este último dominante na fachada principal que é onde se sitúa a porta de acceso, situada baixo un frontón partido cuxo tímpano ocupa un balcón con balaustrada de estípites, elemento tamén presente nos cinco vanos do corredor da planta superior. Un escudo da cidade e un frontón curvo e pináculos que alzan por riba do texaroz, constitúen os principais elementos decorativos do frontís.

No seu interior, o Museo Provincial dispón dunha superficie aproximada de cinco mil metros cadrados dedicados a exposición e máis de cinco centos destinados a albergar o Arquivo e Biblioteca, os almacéns, oficinas e outras dependencias de uso interno. Conta con trinta e dúas salas nas que se poden contemplar máis de dous mil catrocentos obxectos pertencentes ás seccións de Arqueoloxía, Belas Artes, Etnografía e Artes Industriais.

Fernando Arribas Arias

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA