REFECTORIO
O refectorio ou comedor, xunto coa cociña e o claustro, formaban parte das dependencias do antigo convento de San Francisco que, segundo a tradición, foi fundado polo propio santo ao regreso da súa peregrinación a Santiago de Compostela no ano 1214. Este refectorio é obra do século XVIII e presenta unha planta rectangular cuberta cunha bóveda de canón rebaixada, rachada por catro lunetos no lado esquerdo, que descansa sobre cinco arcos perpiaños. Arrancan estes arcos dunha imposta de talón moi acusada, ornamentada con volutas e coas características placas do barroco.
No lateral oeste atópase un pequeno púlpito ou ledoiro, realizado en granito, empregado polos frades franciscanos para as lecturas pidadosas durante as comidas. Flanquean este púlpito unha pequena lacena e un oco ou torno destinado ó servizo entre a cociña e o refectorio, elementos que presentan as xambas, linteis e soleiras de granito.
Alberga esta sala unha colección de maquetas a escala, doadas pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, realizadas por Tranqueira Construccións con pequenos fragmentos de granito, xisto, lousa, madeira e palla. Hainas de dous tipos: seis que reproducen pallozas de concellos da montaña lucense (A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro) e dez que amosan edificacións populares dos concellos polos que discorre o Camiño Francés na provincia de Lugo. Do primeiro tipo mencionaremos a palloza de Veiga do Seixo, que permite contemplar a estrutura interna deste tipo de vivendas, e a espectacular de Piornedo, ambas as dúas situadas no concello de Cervantes. Do segundo destacaremos as que reproducen a Casa de Eirexe de Pasante (Triacastela), a igrexa do Cebreiro e a Capela do Ciprés de Samos, monumento senlleiro declarado Ben de Interese Cultural.
No lateral leste, atópase incrustado na parede un canzorro románico ornamentado con motivos xeométricos.
Fernando Arribas Arias
|


|