CADEADO DE TRUCO

Este cadeado de bronce con máscara ingresou no Museo en calidade de depósito da Consellería de Cultura o día 12 de xuño de 1998. Esta enigmática peza da cerrallería romana, tida ata hai pouco por un anel-relicario, procede da escavación arqueolóxica do solar da rúa Doutor Castro, 16-18, da cidade de Lugo, que forma parte da denominada “Casa de Océano”.
Esta fechadura de truco con representación dunha máscara humana está completa, e aínda que a sú apertura non foi posible, a comparación con outros cadeados con máscara localizados en museos europeos, permítenos reconstruír o seu funcionamiento e descompoñelo en catro partes: 1.- Tapa decorada con máscara humana; 2.- Caixa que alberga o mecanismo interior de cerre; 3.- Aro móbil; 4.- Chave.
O cadeado de bronce de Lugo puido ter sido fabricado en dúas partes unidas ó cerrollo. A tapa está decorada cun rostro no que destaca o toucado de estilo orientalizante. Na parte superior da cabeza atópase a bisagra que permitía abrir e cerrar a tapa con máscara e así acceder á caixa na que se encontra o mecanismo de cerre, onde co movemento da chave se lograría a apertura do aro móbil macizo.
Estes cadeados de forma anular con tapa servirían para cerrar pequenos cofres, caixiñas o quizais bolsiñas nas que se gardarían bens de carácter persoal ou de valor, como moedas, xoias, etc.
O cadeado de Lucus Augusti, datado como baixoimperial do s. IV d. C., chegaría ata aquí seguramente importado, pois parece pouco verosímil que fose fabricado nalgún obradoiro de cerrallería provincial unha fechadura tan elaborada.

Mª Ofelia Carnero Vázquez

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA