OFRENDA A SAN RAMÓN

Esta escultura de vulto redondo, inspirada nun cruceiro do Santuario da Virxe do Corpiño de Lalín en Pontevedra, foi realizada en 1923 polo escultor Francisco Asorey González (Cambados, Pontevedra, 1889 - Santiago de Compostela, 1961), ano no que tamén se expón no Salón de Outono de Madrid.
É a representación dunha muller en vésperas de dar a luz que, axeonllada e en actitude oferente, acode a San Ramón Nonato para pedirlle que o seu fillo naza ben. Pero, ademais, é a encarnación da Galicia rural e tradicional. A muller vai ataviada con vestimenta galega, loce unha saia estampada vermella sobre a que leva un mandil negro. Cruzado sobre o seu peito, un mantón en tons ocres con flocos anudados que colgan sobre o seu ventre cun pendentif de metal dourado coa imaxe da Virxe. Cubríndolle os ombreiros, unha manteleta ricamente decorada con relevos e tachonada con puntas e cravos que brillan a modo de abalorios de acibeche. Completan a súa indumentaria senllos pendentes longos de metal e un pano vermello con flores de vivas cores anoado á cabeza e enmarcando o seu rostro no que salienta unha mirada case transparente.
A muller porta na súa man dereita unha longa vela rizada e na esquerda unha pequena imaxe de San Ramón, de feitura popular, vestido con roquete sobre túnica vermella, portando como atributos unha custodia por ter recibido a comuñón de mans dun anxo na hora da súa morte e unha palma cinguida por tres coroas que simbolizan a castidade, a elocuencia e o martirio.
A talla está executada cun gran naturalismo e detallismo ao que tamén contribúe unha policromía aplicada sutilmente de xeito que non se enmascarasen as calidades da madeira e ten unhas dimensións de 82 cm. de alto, 53 cm. de largo e 48 cm. de profundidade.
Tras formar parte da colección de D. Ramón Bauzá, o mecenas lucense D. José Fernández López adquiriuna para doala ao Museo de Lugo.


María Quiroga Figueroa

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA