TABULA HOSPITALIS

Os chamados Bronces Xurídicos comprenden textos de natureza legal ou administrativa, case sempre de dereito público, aínda que de variada temática, inscritos sobre diversa tipoloxía de soportes, tabulae, tesserae, etc., que constitúen unha interesante fonte de información sobre algúns aspectos do dereito e a organización administrativa dos romanos.
É o caso desta peza, coñecida como Tabula hospitalis do Caurel. Adquirida polo Museo, ingresa o 18 de novembro de 1959 procedente de Torre Cabreira, lugar de Carbedo, parroquia de San Pedro de Esperante (Folgoso do Caurel).
A peza consta de dous elementos: unha lámina rectangular de bronce de 18,5 cm. x 13,7 cm. na que se inscribiu o texto e un marco columnado que soporta un frontón triangular en cuxo centro destaca unha cabeza masculina en altorrelevo. Deste xeito as medidas totais son de 28,0 cm. por 16,5 cm. de anchura. Dous apliques de tripla voluta calada flanquean o frontón.
O texto inscrito refire un pacto realizado por Tilego, fillo de Ambato, susarro de orixe (comarca de Sarria), comprometendo a si mesmo e á súa familia e descendentes, ao establecemento de lazos de hospitalidade cos Lougeis, do castellum Toletensis, que, pola súa banda, lle solicitan protección perpetua.
En resumo. Estamos ante un pacto de protección e apoio, baixo a forma de padroado, establecido entre un particular e unha colectividade indíxena, con autorización ou visto e prace das autoridades romanas, subscrito no ano 28 d. C., tras uns cincuenta anos da conquista da rexión. Pacto que, aínda que carece de carácter ou calidade de lei, dispón de validez xurídica pública ao ser trasladado á táboa de bronce.


Enrique Alcorta Irastorza

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA