27/08/2010
EXPOSICIÓNS: A Muralla no Museo / The wall-A Muralla (Peter Schneider)
Antón Bao, vicepresidente da Deputación, Aurelia Balseiro, directora do MPL, Peter Schneider, fotógrafo e Enrique Alcorta, arqueólogo do MPL, presentaron as dúas mostras expositivas que o Museo Provincial dedica a celebrar o 10º aniversario da declaración da Muralla Romana de Lugo por parte da UNESCO como Patrimonio da Humanidade. A apertura ao público terá lugar o vindeiro luns, 19 de xullo de 2010, ás 20:00 horas e permanecerá aberta ata o 30 de setembro.
A MURALAL NO MUSEO. PEGADAS ARQUEOLÓXICAS DA MURALLA
Xestionada polo MPL e que abrangue todos os restos arqueolóxicos que procedentes da Muralla ou da súa contorna se poden visitar neste museo, debidamente contextualizados e complementados cun folleto informativo-didáctico e un xogo educativo denominado "Amurallado".
THE WALL- A MURALLA
Fotografías Peter Schneider, quen nos ofrece unha serie de fotografías nas que a Muralla se nos presenta "viva" e humanizada, como elemento de cohesión imprescindible entre a cidade e os cidadáns.
Do 19 de xullo ao 30 de setembro de 2010.
Entrada gratuíta
__________Horio de verán: xullo e agosto
Luns a venres: 11 a 14 e 17 a 20 h.
Sábados: 10 a 14 h.
Domingos e festivos, pechado.
Entrada gratuíta
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242112
info@museolugo.org
___________
Poucas dúbidas caben sobre a riqueza arqueolóxica da nosa capital como, de xeito máis extenso, a de toda a provincia. Por iso, a Deputación Provincial e, particularmente, o Museo Provincial, como institucións dinamizadoras, non esquecen que desta riqueza deriva o papel do Museo como centro conservador, investigador, expositor e difusor do noso legado patrimonial e que, polo mesmo motivo, non poden estar afastados de certas accións e conmemoracións culturais.
Hai que lembrar que este ano celebramos unha importante efeméride como é o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade: Unha muralla romana pero tamén romana, medieval, moderna e contemporánea, se temos en conta que leva xa connosco case dous mil anos.
O proxecto que presentamos, en relación con esta conmemoración, ten dúas partes: unha mostra arqueolóxica baixo o título “A Muralla no Museo” e outra de fotografía, “The Wall - A Muralla”, da que é autor Peter Schneider.
Ambas as dúas mostras serán exhibidas conxuntamente na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo, do 15 de xullo ao 30 de setembro e despois, con carácter itinerante, levarase por diversos centros da nosa provincia cuns obxectivos fundamentalmente didácticos e divulgativos.
A primeira, “A Muralla no Museo”, coordinada polo Departamento de Arqueoloxía, organízase en varios bloques: a cidade e a muralla, aproximación á epigrafía e formularios epigráficos romanos e recompilación das 28 inscricións que, procedentes da muralla, se custodian no Museo, ben como materiais recollidos ou, máis recentemente, como resultado de achados que son froito de diversas intervencións arqueolóxicas. A metodoloxía expositiva susténtase fundamentalmente en paneis con debuxos e fotografías, nos que predomina a imaxesobre a palabra, así como as reconstrucións de escenas ou elementos, utilizando a cor para resaltar as figuras que se consideran máis salientables. Todo iso baixo a idea da didáctica, da sinxela comprensión e dunha accesibilidade o máis aberta posible.
Pola súa banda, o fotógrafo alemán Peter Schneider, afincado en Lugo, preséntanos un conxunto de fotografías de gran formato e en cor. Tres visións da muralla, como apreciable legado monumental romano, como elemento construtivo inserido na paisaxe urbana e como un dos eixes sociais, lúdicos e de desfrute da nosa cidade. Na mostra únense as grandes panorámicas nas que a muralla e a cidade moderna se combinan en interesante contraste, con outras imaxes nas que, pola contra, pequenos obxectos resaltan contra o enorme volume do monumento. Nalgunhas tomas, a figura humana ollando, paseando, pensando, soñando polo adarve, ou aos pés, nas proximidades da muralla, queda empequenecida contra ese marco, aínda que sen perder protagonismo. Noutras é a muralla a que cede ante a figura humana, establecéndose unha inapreciable e recoñecible relación a tres bandas entre o monumento, a cidade e os seus moradores.
Pero fraco favor fariamos ao noso patrimonio se nos limitásemos a honralo só en efemérides espaciadas no tempo. De aí o noso compromiso co traballo continuado, coa acción concreta, co día a día, como modelo de actuación prioritaria, exemplarizada no desenvolvemento de actividades didácticas relacionadas coa muralla no MPL.
Tamén hai que destacar o carácter itinerante que lle imos dar a esta dobre exposición, tendo en conta que a muralla non é patrimonio exclusivo dos habitantes da cidade, senón que o seu desfrute debe estenderse máis alá, a nivel provincial. É por iso que este proxecto do MPL, impulsado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, tamén percorrerá a provincia durante os vindeiros meses.
Aurelia Balseiro García
Enrique J. Alcorta Irastorza
Enlaces de interese:
VISTA DA EXPOSICIÓN EN 360º
< voltar
|