14/11/2008
Ángel González Doreste
Do 14 de novembro ao 28 de decembro.
Inauguración: Venres, 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo.
Entrada gratuíta
Horario
Dende setembro a xuño
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Xullo e agosto
Luns a venres: 11 a 14 e 17 a 20 h.
Sábados: 10 a 14 h.
Domingos e festivos, pechado.
Pechado os días:
1 de xaneiro (Aninovo), martes de Entroido, 22 de maio (Sta. Rita), e 24, 25 e 31 de decembro.
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242112
info@museolugo.org
_______________
DORESTE, PINTOR LUGUÉS
Luis Rodríguez Rodríguez
No mes de novembro do 1948 a familia González Doreste embarcou no vapor “Escolano” da navieira Transmediterránea dende o porto de Las Palmas de Gran Canaria a Vigo; nunha semana pasou dun clima temperado polos ventos alisios á fría humidade do inverno iniciado en Lugo onde concluíu a viaxe. De modo que Ánxel con quince anos tiña un pasado á maneira dos personaxes de ficción. Naceu en 1933.
“A diferencia entre o que me atopei aló e as propias illas Canarias foi grande”. A lingua canaria quedou atrás, detida, case intacta, no refuxio da memoria. Cando chega a Lugo, con todo, e sobre todo el, amigo de pensar e de racionalizar, queda gratamente sorprendido. Unha aldea galega tiña que ser para el, efectivamente, un misterio. Estrañounos na primeira comida que fixemos en Sanfiz (Sarria – Lugo), na casa do meu tío, ver un Doreste aberto a lacón con chourizos e grelos ou a unha perdiz, pero así foi. Como tamén se mostrou aberto a famosa nevada, grande por certo, que nun mes de maio dos cincuenta caeu sobre Lugo. O noso amigo disfrutou cos brazos abertos no medio da Praza Maior mentres Manolo Roca, Salvador Castro e mais eu buscabamos refuxio nun portal.
Cando tíñamos 16 anos o mestre de debuxo deunos un álbum cunha porrada de láminas que debíamos debuxar. Eramos torpes, por non dicir que declaradamente ineptos, e “o guanche”, que era como lle chamábamos os amigos, aproveitou para facer negocio vendendo clandestinamente nos corredores do instituto os debuxos a peseta. Así, trampeando cos poucos reais que tíñamos, comezou unha amizade que xa dura preto de 58 anos. Un día o Doreste, logo dunha entrevista que lle fixeron no diario lugués “El Progreso”, entre o pitillo e o coñac, resaltaba esta amizade tan perdurable como algo grande por riba de calquera conxuntura. Amen.
No piso onde vivía Anxel Xohan, pai do noso amigo, a carón do parque, pintaban artistas, escribían literatos e espertaban poetas. Todo aquel caos estaba perfectamente estructurado e aló entendíanse panadeiros–guitarristas, como Plantón, con poetas de restaurante de vapor turístico e conta contos. Todo isto era posible gracias ao bo facer do pai e animou a vida do noso artista pasando de non ter case que pintar, a ter cola para que inmortalizase a algunha persoa.
Nós, que xogábamos mundiais de futbolín no fondo da rúa das dulcerías baixo os lacónicos e ben pensados nomes de equipo “A”, “B” e “C”, como nos bautizou Iglesias Requejo, inxenuamente tíñamos gastos, pero non tíñamos cartos, así que decidimos soluciona-lo problema empregando as habilidades do “guanche”. Mercamos un bloc que lle regalamos, así que cando estábamos apretados pola necesidade, cataplún, retrato que te crió, como se fose un cheque ó portador na barra do bar ou na taquilla do cine.
Un día durante as festas do San Froilán estábamos tomando un viño cando Xosé Antonio Martín Gómez, sobriño do mestre Camarón, desgraciadamente falecido, propuxo irmos a Madrid porque Lugo resultaba moi monótono e aburrido. Estabamos detrás do Concello sen saber que facer, polo que a idea foi aceptada. Pero, para variar, non tíñamos un can e Martín, que era o único que traballaba, exclamou: “o taxi pago eu!”. E, en menos de cinco segundos estábamos todos sentados dentro do taxi e o taxista xa prendera o motor. “Comeza a aventura do “Equipo A”, informounos Requejo, ordenando rumbo a Nadela. E de alí non pasamos. Con desculpas sen fundamento regresamos a Lugo e fómonos sentar ó bar da señora Visita tomar un viño con tapa de cacahuetes. Como o ambiente era etílico abondo, eu saín escopeteado para a casa e collín un pouco de amoníaco e volvín ao bar repartindo amoníaco polas fosas nasais dos amigos. O que espertou un cabreo xeneralizado. Eu, que non me vía a min mesmo, debía ser un espectáculo extraordinario repartindo amoníaco a destro e sinistro. Os clientes foron resgardarse todos eles ó patio, o tempo que me sacaron en axiña de dentro e mandáronme para a casa. Pero volvín, asistindo para o meu maior asombro, a unha das arengas de Requejo e de Martín que propoñían facer realidade a primitiva idea de marchámonos todos para Madrid. Era noutros tempos.
Antes ou despois todos optamos por irnos, case todos tamén rematamos por regresar. Con 27 anos, a viaxe de Doreste foi a París. Por aqueles días estaba posuído pola necesidade de comunicación artística. Estaba absorto. Foi para aprender a pintar, pero para estar aló tiña que comer, polo menos, unha vez ao día e, en troques de pintar tanto como desexaba, tiña que traballar. Foi sen embargo listo. Chegou a París en maio do 1960 e deixouno no 1963 cando se decatou de que para facer esa vida bohemia hai que ter moitos cartos ou morrer no intento. Fabricouse unha fantasía para que o seu pai non pensara que pasaba fame. Inventou un millonario con casa de campo e instituíuse en profesor de español dos seus fillos ficticios. Entón, en medio desa paranoia, apareceu Rosa, a súa muller, ca súa notable claridade de ideas. Para aprender abondaba cunha viaxe ao ano a París. Non facía falta pasar fame. Tal como dicía Antón Gómez Arias, “pinturillas”, outro pintor da pandilla, “Luis, quen fora can en París”. E tiña razón, vivían mellor que os bohemios.
Pasaron os anos. Doreste nunca volveu a vivir en Lugo, aínda que nunca nos abandonou. Desde Santander adoita a visitarnos con asiduidade, regalándonos, entre vasos de viño pola tarde e copas de coñac pola noite, memorias e conversas só propias das amizades antigas e profundas, xenerosas. Por iso agradezo que me solicitaran escribir estas liñas lembrando ao compañeiro, ao pintor galego de Canarias, ao lugués santanderino, ao amigo.
__________CURRICULUM VITAE
1933. Nace o 8 de agosto en Las Palmas de Gran Canaria
1948. Trasládase en novembro con toda a súa familia a Lugo.
1952. É pensionado pola Excma. Deputación de Lugo para preparar o ingreso na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid.
1953. Ingresa en xuño e inicia en outubro os estudos anteditos.
1958. Termina a carreira obtendo o título de Profesor de pintura e debuxo.
1959. Primeira exposición individual da súa obra no Museo Canario de Las Palmas.
1959. Individual. Casino de Santa Cruz de Tenerife.
1959. Individual. Círculo de las Artes. Lugo.
1960. Individual. C.I.T. Santiago de Compostela.
1960. Obtén unha Bolsa de Viaxe da Excma. Deputación de Lugo para ampliar estudos en París.
1963. Regresa a España para impartir clases de Debuxo no Instituto de Segundo Ensino “Virgen del Puerto” de Santoña, como profesor interino.
1964. Gana por oposición a Adxuntía da Sección Delegada de Candás (Asturias).
1965. Gana por oposición a cátedra de Debuxo do Instituto de Segunda Ensinanza “Virgen del Puerto” de Santoña.
1965. Participa como invitado na exposición “Annual Summer Show” de Seattle U.S.A.
1971. Participa como invitado na exposición “Arte Erótico” da sala Vandrés de Madrid.
1973. Individual. Casino Liceo de Santoña.
1976. Individual. Galería Bética. Madrid.
1976. Individual. Galería Balos. Las Palmas de Gran Canaria.
1976. Colectiva “Arte es Libertad”. XXVII Congreso P.S.O.E. Madrid.
1977. Individual. Galería “Arco da Vella”. Lugo.
1977. Individual. Galería Quirce. Santoña.
1978. Individual. Galería Decar. Bilbao.
1978. Individual. Galería Benedit. Oviedo.
1978. Exposición itinerante de Pintores Montañeses. Santoña, Laredo, Cabezón de la Sal, Reinosa e Potes.
1979. Seleccionado para a exposición de Moscova sobre os actuais pintores realistas españois.
1980.1979. Individual. Galería Puntal 2. Torrelavega.
1980. Obtén por concurso de méritos a cátedra de Debuxo do Instituto de Ensino Secundario “José María Pereda” de Santander.
1980. Colectiva. “60 Pintores Montañeses”. Madrid e Murcia.
1980 Colectiva. Mestres do Realismo Español. Vigo.
1980. Individual. Casa del Pueblo. Castro Urdiales.
1980. Colectiva “La Bahía”. Galería Navedo. Santander.
1982. Individual. Galería Navedo. Santander.
1986. Individual. Galería Sur. Santander.
1993. Individual. Galería Sur. Santander.
1996. Xubílase do desempeño da cátedra de Debuxo do Instituto “José María Pereda” de Santander.
1996. Individual. Galería Espí. Torrelavega.
1996 Colectiva. Galería Santiago Casar. Santander.
1997. Individual. Sala Municipal. San Vicente de la Barquera.
2000. Individual. Galería Cervantes. Santander.
2002. Individual. Galería Cervantes. Santander.
2005. Individual. Galería Espí. Torrelavega.
2005. Colectiva. Pintura Cántabra. Galería Estela Docal. Santander.
2008. Individual Antolóxica. Museo Provincial. Lugo.
Obras súas figuran en:
O Museo Eduardo Westerdahl. Puerto de la Cruz. Tenerife.
O Museo Vilafamés. Castelló.
O Museo Provincial de Lugo.
O Museo “Carlos Maside” de Sada. A Coruña.
A Colección de arte do Concello de Santoña.
A Colección de Carteis de Touros da Praza de Touros de Santander.
Enlaces de interese:
830_Diptico_Doreste.pdf
< voltar
|