05/11/2009
EXPOSICIÓN: Lázare. Memorias 1994-2009
Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo).
(Do 5 de novembro ao 30 de decembro de 2009)
Entrada gratuíta
Horario
Luns a venres: De 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 h. e 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: de 11 a 14 h.
Edificio da Deputación Provincial de Lugo
R/ San Marcos s/n
Lugo
Contactos: Tfno.: 982 242112 / info@museolugo.org
__________LÁZARE. MEMORIAS 1994-2009
A organización de exposicións temporais é unha actividade consubstancial aos museos. O dinamismo que estas exposicións lles proporcionan aos museos é fundamental para contribuír á divulgación e difusión das diversas expresións artísticas e tamén son unha plataforma para os creadores tanto cando se trata de fomentar e promover novos valores como para amosar producións temporais de artistas consolidados, amén das retrospectivas antolóxicas e das colectivas e/ou temáticas. A sala de exposicións do Pazo de San Marcos, dependente do Museo de Lugo, tenta cumprir este obxectivo e para que tamén quede constancia documental destas montaxes efémeras publicamos os seus respectivos catálogos. Nesta ocasión temos unha mostra de pintura e debuxo dun creador lucense, Jesús López Lázare, que el titulou “Memorias”, en relación ao seu carácter de recompilación, aínda que se presenta tamén moito traballo inédito e outro, coma os debuxos, que forman parte da súa última produción.
Na pintura de Lázare reflíctese o seu mundo interior; a impecable técnica xúntase coa liberdade creativa que lle proporciona non depender de modas nin do comercio da arte; el traballa con minuciosidade, esmero, coidando cada detalle, plasmando memorias sen présa, con mimo, arrancándolle tempo ao vórtice da vida actual para dedicarllo á súa íntima paixón: a pintura e o debuxo, aínda que el diría o debuxo e a pintura, porque lle dá maior presenza e importancia ao debuxo como base, medio e fin. Este poderoso binomio proporciónanos sempre satisfaccións nun mundo convulso e en constante movemento.
As manifestacións artísticas reflicten a personalidade do seu creador e nesta mostra vemos intimismo, soidade, serenidade, pero tamén realidade e denuncia social. A maior parte dos personaxes representados son reais pero filtrados pola súa imaxinación. Os
retratos, sen pretensións, teñen a forza na mirada non na propia imaxe xeral, son retratos con alma. A composición, formato e soportes son clásicos, contrastando cos complementos e os ambientes nebulosos, esvaecidos que rodean os motivos centrais. Combina a sobriedade do lapis co cromatismo matizado do óleo, proporcionando en todas as súas obras unha serena beleza, unha figuración atemporal, un realismo pretérito.
Nesta exposición de Lázare, o público atópase en primeiro lugar cunha escolma de óleos para logo pasar a outro espazo onde se reúnen os seus debuxos, case todos recentes. Todas as imaxes representadas provocarán no espectador preguntas e respostas e tamén, espero, misterio e reflexión.
Aurelia Balseiro García
Directora do Museo Provincial de Lugo
Enlaces de interese:
1115_LAZARE.MEMORIAS 1994-2009.pdf
< voltar
|