21/10/2012
EXPOSICIÓN: Reflexarte
INAUGURACIÓN: xoves, 25 de outubro, ás 20:00 horas. SALA DE EXPOSICIÓNS PAZO DE SAN MARCOS (sede da Deputación de Lugo).
REFLEXARTE
Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo)
(desde o 25 de outubro ata o 6 de xaneiro de 2013)
Entrada gratuíta
Horario
Luns a venres: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20:30 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Sala de Exposicións Pazo de San Marcos
Edificio da Deputación Provincial de Lugo
R/ San Marcos s/n
27001 Lugo
Contactos: Tfno.: 982 242112 / info@museolugo.org
______________
Con este novo proxecto, a área de Cultura da Deputación de Lugo mantén o seu camiño de consolidación expositiva abrindo ventás a novos campos de actuación artísticos comprometidos coa cultura galega. A arte contemporánea axuda cunha actitude innovadora a trazar parte dese itinerario vital, abordando un día a día creativo a través de linguaxes universais, que dalgún xeito evidencian a pluralidade conceptual e formal na que se moven os que integran a colectiva Reflexarte, os artistas Julia Ares, María Xosé Díaz, Tono Galán, Tiago Madeira, Acisclo Manzano, Manuel Patinha, Soledad Penalta, Paco Pestana, Montse Rego, Carmen Senande e Álvaro de la Vega.
Son creadores que desenvolven o seu traballo dende hai anos dentro do ámbito da escultura, e o único argumento que os uniu para a ocasión é o emprego do vidro como medio de actuación. Salvo excepcións como a de Julia Ares, en xeral é a primeira vez que vinculan a súa traxectoria á deste material, revalorizado en recentes citas internacionais como a Bienal de Venecia de 2011.
O proxecto nace na Coruña, con motivo do 75 aniversario de Cristalería El Reflejo, fundada en 1935 por Jesús Ares González. Grazas á xenerosidade desta empresa, os artistas puideron construír os seus propios soños deixando que a imaxinación fluíse a través da beleza e luminosidade transparente do cristal. José Luis Rey e María Jesús Ares achegaron a súa creatividade á montaxe e Josefina Cerviño fixo o propio cun rigoroso texto historiográfico no catálogo da mostra.
A Rede Museística da Deputación de Lugo séntese gratificada en colaborar nun proxecto que cataliza a mirada plástica destes once artistas, xa que dende esta institución compartimos o ánimo de impulsar a cultura deste país, estimulada, coma neste caso, por unha inquietude explorativa que traduce a ilusionante natureza creativa na que producen os nosos artistas.
[Mario Outeiro, deputado delegado da Área e Cultura e Turismo da Deputación de Lugo]
Enlaces de interese:
1812_cONVITE_acto de inauguración_Reflexarte.pdf
< voltar
|