15/10/2012
Programa de actividades didácticas do Museo Provincial de Lugo para o curso escolar 2012-2013
A VER SE TE VES! MÍRANOS! (Programa de actividades didácticas do Museo Provincial de Lugo para os centros escolares curso 2012-2013)
Mario Outeiro, deputado delegado da área de Cultura e Turismo, Encarna Lago, xerente da Rede Museística, e os traballadores e traballadoras dos departamentos de didáctica dos museos integrados na Rede Museística da Deputación de Lugo, dan a coñecer os programas didácticos para os catro museos da Rede.
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
Tras moitos anos de experiencias compartidas nos que o Museo Provincial de Lugo e o resto dos museos que se foron integrando na Rede Museística da Deputación de Lugo foron pioneiros na elaboración de programas didácticos para o mundo escolar, toca agora revisar metodoloxías, actualizar conceptos e poñer en práctica novas ideas arredor do sempre suxestivo tema da educación desde os museos.
Nestes últimos quince anos, con máis ou menos acertos, e tamén con moitos erros, desde os departamentos de didáctica intentamos achegarnos á escola desde os museos, propuxemos actividades que tiveron enorme éxito entre os docentes e o seu alumnado, e outras, hai que recoñecelo, que non gozaron desa estima. Así e todo entre todos fomos abrindo un camiño que agora xa é, afortunadamente, moi frecuentado por outras institucións museísticas pero …
Pero sempre debemos estar alerta para renovar motivacións e estímulos, para repensar e establecer novos obxectivos que conduzan á meta desexada: a intercomunicación entre o mundo da escola e o mundo dos museos. Os museos máis ca obxectos, atesouramos experiencias, historias, creatividade, modelos …, campos nos que, precisamente, os mozos e mozas das escolas poden precisar un implemento na súa formación.
O lema escollido para esta nova etapa “A ver se te ves! Míranos!” reclama esa atención bidireccional entre os dous mundos. Os museos precisamos que nos vexan, que nos miren, que a sociedade faga uso libre do que posuímos, e a escola, que ten a fundamental misión de formar individuos para o futuro, debe entender que toda a bagaxe cultural que herdamos é un tesouro relativamente doado de atopar e de conseguir: abonda entrar nos museos e dispoñer pedagoxicamente.
Desde os museos da Rede Museística, xestionada pola Área de Cultura e Turismo, vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, pretendemos ofrecer ao profesorado e ao seu alumnado unha atención personalizada e achegar os recursos básicos imprescindibles para que este intercambio resulte engaiolante para o alumnado. Con esta fórmula pretendemos, sobre todo, abrir as nosas portas de par en par a toda a sociedade pero, especialmente, aos que teñen a enorme misión de seguila construíndo desde os alicerces da infancia.
Os obxectivos que pretendemos, en resume, son:
-Axudar a comprender dunha forma práctica o significado das obras expostas nos museos
-Estimular as facultades perceptivas e imaxinativas do alumnado
-Que cada actividade resulte unha experiencia proveitosa.
-Fomentar a aprendizaxe integral.
Os departamentos de didáctica de cada un dos catro museos integrados na Rede Museística elaboraron un programa organizado en tres percorridos-guía ou bloques temáticos. O programa está suxeito, necesariamente a un calendario, o do curso escolar 2012-2013, pero flexible e adaptable ás necesidades concretas que o día a día do docente nos demande.
Concertación de visitas
Para poder atender o principal obxectivo deste novo modelo de programa didáctico, é imprescindible que sexa o profesor ou profesora que vai desenvolver a actividade no museo o que contacte e concerta a visite. Da conversación que manteña co persoal do departamento de didáctica derivará esa atención personalizada que pretendemos acadar arredor dos obxectivos, contidos, seccións, coleccións ou pezas do seu interese…
Autorización
No transcurso de ditas actividades poderanse realizar vídeos e fotografías que logo se poderán exhibir nas canles dixitais das que dispón a Rede Museística, para o que o profesor terá que traer o permiso de protección de imaxe de cada neno/a asinado polos seus pais.
BLOQUE TEMÁTICO 1.-CREA O TEU MUSEO
Metodoloxía e desenvolvemento
Parte teórica: Que é un museo? Para que nos sirve un museo? Podemos crear o noso propio museo? O MPLugo, as súas coleccións e funcionamento
Parte práctica: Podemos crear o noso propio museo? Queres propoñernos un modelo diferente de museo do futuro?
Ciclos: E. Infantil, E. Primaria e 1º ciclo de ESO.
Periodización: Curso escolar 2012-2013.
Duración da actividade: Aproximadamente, 60 minutos.
Recursos didácticos:
-Caixa decorada simulando o edificio do museo, fichas adaptadas, fotografías … etc.
Nota: É conveniente que cada alumno/a traia a fotocopia dunha fotografía súa, tamaño carné.
A actividade na Rede
O departamento de didáctica do MPLugo poñerá a disposición do profesorado e alumnado que participe nestas actividades un blog no que se irán intercambiando documentación, imaxes e experiencias arredor desta actividade.
Concurso: Un museo para o futuro
Co obxectivo de motivar o aproveitamento posterior na aula desta actividade podedes remitir ao blog as vosas propostas, elaboradas individualmente ou en grupo, para crear un hipotético museo para o futuro.
Entre todas as propostas recibidas premiaremos aquelas que resulten máis imaxinativas e orixinais.
BLOQUE TEMÁTICO 2.-ESCOITA: OS MUSEOS TAMÉN CONTAN HISTORIAS
Bloques temáticos
a).-Rutas literarias
b).-Cada peza ten a súa historia
a).-Rutas literarias
Parte teórica: Visitamos as distintas salas do museo como espazos de ficción nos que suceden diversas aventuras ideadas por escritores, escritoras e ilustradores que participan no libro Contos do museo.
Parte práctica: Folla de ruta (guía para viaxar polo museo e seguir as catro rutas suxeridas na publicación)
Ciclos: ESO e BAC.
Periodización: Curso escolar 2012-2013.
Duración da actividade: De 70 a 80 minutos.
Recursos didácticos:
-Contos do museo, libro con catro relatos da autoría de Xabier P. Docampo, Paco Martín, Xosé Miranda e Agustín Fernández Paz.
(descárgueo en PDF)>>
-Follas de ruta. Son 4 diferentes, unha por cada relato: a da pantasma, a da serpe, a do paxaro e a do trasno.
b).-Cada peza ten a súa historia
Parte teórica: Que historia conta esta peza? É real ou é de ficción? Podemos invertarlle outra historia?
Parte práctica: Canda os obxectos expostos nos museos viaxa as súas historias, ás veces íntimas e descoñecidas. Desvelaremos algúns dos seus segredos.
Ciclos: E. Infantil e E. Primario.
Periodización: Curso escolar 2012-2013.
Duración da actividade:De 45 a 60 minutos.
Recursos didácticos:
-Material para a elaboración dun cómic.
A actividade na Rede
O departamento de didáctica do MPLugo poñerá a disposición do profesorado e alumnado que participe nestas actividades un blog específico no que se irán intercambiando documentación, imaxes e experiencias desta actividade.
Concurso: E ti, podes contarnos unha historia dun museo?
Co obxectivo de motivar o aproveitamento posterior desta actividade na aula podedes remitir ao blog de didáctica da Rede Museística as vosas propostas individuais ou colectivas para elaborar un libro virtual de historias de museos.
Premiaremos as máis imaxinativas e mellor elaborados.
BLOQUE TEMÁTICO 3.-NO RETROVISOR: O SÉCULO XV TEN HISTORIA
O pasado escríbese no presente grazas, entre outros recursos, aos materiais e documentos custodiados nos museos da Rede Museística. En cada un destes catro museos fixaremos a atención nun referente histórico do século XV por proximidade xeográfica ou por seren os propios edificios parte desa historia.
Aínda que cada un dos museos vai centrar a actividade nun dos seguintes epígrafes e temas, lembramos que promoveremos o coñecemento de todas as experiencias, así que, sempre que sexa posible, animaremos a profesorado e alumnado a visitar os catro museos e así coñecer esa parte da historia da que é protagonista.
Un tema en cada museo:
Os franciscanos e as ordes mendicantes (Museo Provincial de Lugo)
Os irmandiños (Museo Etnográfico San Paio de Narla, Friol)
Pardo de Cela e o seu tempo (Museo Provincial do Mar, San Cibrao, Cervo)
Os Lemos (Pazo de Tor,)
Os franciscanos e as ordes mendicantes (Museo Provincial de Lugo)
Metodoloxía e desenvolvemento
Parte teórica: Que pasou no edificio do MPLugo desde a ano 1401 ao 1500? A que se dedicaban os frades mendicantes? Que sabes dos frades franciscanos?
Parte práctica: Dramatización do papel das distintas clases sociais neste momento histórico. Experimentaremos tarefas que se realizaban no claustro do edificio naquela época como plantar, cultivar e coñecer os usos medicinais ou alimenticios dalgunhas plantas e herbas.
Ciclos: E. Primario e E. Secundario.
Periodización: Curso escolar 2012-2013.
Duración da actividade: De 45 a 60 minutos
Recursos didácticos:
-Fichas didácticas
-Hábitos de frade franciscano para todos os integrantes do grupo.
-Ferramentas para o traballo na horta (Recoméndase que o alumnado asista provisto de calzado e roupa axeitados a estes traballos.
A actividade na Rede
O departamento de didáctica do MPLugo poñerá a disposición do profesorado e alumnado que participe nestas actividades un blog específico no que se irán intercambiando documentación, imaxes e experiencias desta actividade.
Concurso
Co obxectivo de motivar o aproveitamento posterior na aula desta actividade podedes remitir ao blog as vosas opinións, imaxes e experiencias sobre esta actividade.
Entre todas as propostas recibidas premiaremos aquelas que resulten máis imaxinativas e orixinais.
CONCERTACIÓN DAS ACTIVIDADES
O contacto directo co departamento de didáctica do MPLugo pode facelo a través dos teléfono directo 982 24 23 00 ou do xeral 982 24 21 12.
Tamén pode deixar os seus datos de contacto neste e-mail: didactica@museolugo.org
Neste caso será o persoal do departamento quen se poña en contacto con vd. nas horas de preferencia que nos indique.
Horario
Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.
Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos: 11 a 14 h.
Pechado os días:
1 e 6 de xaneiro (Aninovo), martes de Entroido (festa variable), 22 de maio (Sta. Rita), e 24, 25 e 31 de decembro.
Entrada gratuíta
Enlaces de interese:
1819_PROGRAMA ACTIVIDADES DIDÁCTICAS_2012_2013_MPLugo.pdf
< voltar
|