27/07/2010
Manifesto de apoio do Museo Provincial de Lugo á declaración da ponte de Cruzul (Becerreá-Lugo) como ben de interese cultural
Con motivo da viaxe cultural á ponte de Cruzul (Becerreá) realizada ao abeiro do VIII Curso da Arte Galega no Museo Provincial de Lugo, este museo quere manifestar o seu total apoio á declaración desta ponte como Ben de Interese Cultural, solicitude realizada polo concello de Becerreá e que conta cun amplo respaldo popular e institucional. Enmarcada por unha paisaxe de extraordinaria beleza, trátase dunha singular obra da enxeñería civil que nos pon en conexión co período da Ilustración. A súa importancia radica en que constitúe a única ponte das existentes na nosa provincia vinculada ao período neoclásico. Ademais do seu valor histórico e artístico, esta probable obra de Carlos Lemour destaca tamén pola súa interacción coa paisaxe, pois atópase nun espazo natural de extraordinaria importancia, no que destaca especialmente o aciñeiral de Cruzul ou de Ousón que a ponte contribúe a enriquecer ao fusionarse todo iso nun conxunto de gran valor estético e de alto interese ecolóxico.
Por todo iso, o Museo Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, quere expresar o seu apoio á declaración da ponte de Cruzul como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia.
< voltar
|