Fachada principal
Claustro do antigo convento de San Francisco
Imaxe das novas instalacións
Imaxe da Sala 12
|
Co fin de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, en 1932, a Deputación de Lugo acorda crear o Museo Provincial de Lugo, vontade que se materializa dous anos máis tarde coa apertura no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de D. Luis López Martí) de varias salas con materiais arqueolóxicos, históricos, artísticos, etc. ata daquela dispersos en coleccións particulares. O continuo incremento de fondos e as limitacións de espazo obrigaron, en 1957, a trasladar o museo ao antigo convento de San Francisco. Conservando tres dependencias deste vello cenobio (cociña, claustro e refectorio), o arquitecto vigués D. Manuel Gómez Román (1875-1964) deseña un novo edificio con aires de pazo galego. O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1997 o museo foi ampliado, segundo un proxecto do arquitecto González Trigo.
PLANTA BAIXA
1. REFECTORIO: Do século XVIII, con cuberta de bóveda de canón e púlpito de cantería. Alberga as coleccións de maquetas de construcións tradicionais da provincia de Lugo.
2. COCIÑA: (s. XVIII). Dela destaca a súa singular lareira de cantería con vistosa cheminea de cachotería. Acolle utensilios e mobiliario propios da cociña tradicional galega.
3. CLAUSTRO: (ss. XV-XVIII). Declarado Ben de Interese Cultural en 1931, nas súas coxías exhíbese unha ampla e variada colección de reloxos de sol (o máis antigo é de 1685), epigrafía romana (en aras, estelas e miliarios) e medieval, heráldica, capiteis, sartegos, laudas sepulcrais e mostras de escultura en pedra de diversas épocas. Destaca especialmente os catro fragmentos dun baldaquino gótico procedentes de Sta. María de Fragas (Campo Lameiro-Pontevedra) que reproducen escenas do Novo Testamento.
3 (bis): Acceso á antiga sala capitular: Acolle restos romanos como os fragmentos dunha estela funeraria, a escultura togada de Saa (Lugo) e unha ara votiva dedicada aos Lares Viales, así como dúas estelas discoides anepigráficas (ss IX-XI d. C.) procedentes de Castillón (Pantón).
Vestíbulo: Bargueños dos séculos XVII-XVIII.
4-5-6. ARTE SACRA: Pintura de temática relixiosa dos séculos XV ao XX, sobre todo das escolas italiana e española. Escultura románica, gótica, renacentista e barroca. Artes menores: Cruces procesionais de prata (ss. XVI-XVIII) e obxectos e ornamentos de uso litúrxico ou relixioso.
7. MOSAICOS: Mosaicos romanos (s. III d. C.) e estela funeraria de Crecente (ss. I-II d. C.)
Escaleira neobarroca de acceso á primeira planta. No vestíbulo, obras do grande escultor galego Francisco Asorey: Ofrenda a San Ramón e San Francisco.
PRIMEIRA PLANTA
8. OURIVERÍA: Importantísima colección de torques, arracadas, brazaletes e outras pezas de ouro e prata, fundamentalmente da Idade de Bronce e da Cultura Castrexa (boa parte delas son da colección de D. Álvaro Gil).
9. PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA: Ocupa as ás norte, leste e parte da sur do claustro superior. Exposición de obxectos desde o Paleolítico á Romanización da provincia de Lugo.
10. NUMISMÁTICA E MEDALLÍSTICA: Moedas dos séculos III a. C. ao XX d. C., representativas das diferentes etapas históricas que viviu a Península Ibérica. Medallas conmemorativas dos séculos XVIII, XIX e XX.
ARTE GALEGA
11. ACIBECHES E OURIVERÍA: Mostra de acibeches composteláns (séculos XVI-XVIII) e de ourivería popular (cos característicos “sapos”) dos séculos XVIII e XIX.
12. PINTURA: ROMANTICISMO E REXIONALISMO. Artistas dos séculos XIX e XX (J. Pérez Villamil, Dionisio Fierros, Leopoldo Villamil, Vaamonde, Román Navarro, Serafín Avendaño, Francisco Llorens, Quintás Goyanes, Seijo Rubio, Sotomayor, Manuel Abelenda, etc.) representativos da plástica galega neste período. Esculturas de X. Piñeiro, M. Picallo, Otero Besteiro e Bonome entre outros.
13. VANGARDAS HISTÓRICAS E POSGUERRA. Obras dos lucenses Tino Grandío e Maruja Mallo, así como tamén de Colmeiro e Castelao.
14. FIGURACIÓNS E ABSTRACCIÓNS. Tendencias representadas por Alfonso Abelenda, Felipe Criado, Sucasas, Blas Lourés, Luis G. Pacios, López Guntín e Raimundo Patiño.
15. ANTONIO FERNÁNDEZ, artista pontevedrés que reside varios anos en Antícoli, localidade italiana moi presente na súa obra de tipo realista na que predominan os temas paisaxísticos e a preocupación pola luz e a cor.
16. XESÚS R. CORREDOIRA, pintor lucense, discípulo de Plá, Zuloaga e Sorolla, acusa tamén a influencia de El Greco, patente en moitas das obras expostas.
17. XULIA MINGUILLÓN, esta artista lucense foi a primeira muller que, en 1940, acadou unha primeira medalla nas Exposicións Nacionais de Belas Artes coa súa obra máis destacada A escola de Doloriñas.
18. ESCULTURA: Obras de Ramón Conde, M. Picallo, Puchades e un conxunto de escenas populares de Xosé M.ª Acuña.
19. LOUZA DE SARGADELOS: Importante colección da cerámica realizada nas catro etapas da Real Fábrica de Sargadelos no século XIX.
20. CERÁMICA E VIDRO: Mostras de cerámica dourada (Manises, Muel), esmaltada e pintada (Talavera, Puente del Arzobispo) e estampada (“La Cartuja”, Cartagena). Vidros e cristais da fábrica de “La Granja” de San Ildefonso.
21. ABANOS, RELOXOS E RETRATOS: Sala na que se mostran pezas de artes decorativas e industriais e retratos realizados por Esquivel, González de la Peña, Vales Pinto e os Madrazo.
22 - 23. ARTE MODERNA E CONTEMPORÁNEA. Pintura desde o barroco ás vangardas do XX, representada por obras de Peter Roos, Carlos de Haes, Álvarez Dumont, Nicolás Soria, Gonzalo Bilbao e Cruz Herrera entre outros. Escultura do século XX: Ignacio Veloso, José Fioravanti e Otero Camps, entre as pezas expostas destaca a Piedade de Torre-Isunza. Moitas das obras expostas nestas salas son depósitos do Museo Nacional del Prado e do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
24-25-26-27. ARTE GALEGA: DEBUXO E GRAVADO. Salas dedicadas a Castelao, Castro Gil, Prieto Nespereira, etc.
28. LUCERNAS. Doadas por D. José Varela Dafonte, trátase dunha interesante e curiosa colección de lucernas de diversas épocas (sirio-palestinas, helenísticas, romanas, bizantinas e islámicas) cunha cronoloxía que vai dende os anos 2300 a. C. ao século XV d. C.
|