30/06/2010
EXPOSICIÓN ITINERANTE: Inquedanzas, de Hixinio Flores, en Monforte de Lemos
Sala de Exposicións do Centro Comarcal Expo-Lemos, Monforte de Lemos( Do 30 de xuño ao 1 de setembro de 2010).
+ info >>
Exposición itinerante xestionada polo Museo Provincial de Lugo.
__________As inquedanzas de Hixinio
Ademais do seu traballo fotográfico nos eidos etnográfico, etnolóxico e antropolóxico, polo que é máis coñecido, Hixinio Flores ten outras “inquedanzas” e, para amosar este outro xeito de expresión artística fotográfica, presentamos o presente catálogo consecuencia da respectiva exposición realizada no Pazo de San Marcos durante o mes de agosto dentro da programación de exposicións temporais do Museo Provincial de Lugo entre cuxos obxectivos está a promoción dos artistas e da arte galega contemporánea.
Na devandita mostra amósanse outras olladas/miradas dun fotógrafo que abranguen outros campos máis descoñecidos da súa obra polo que se contemplaron varios eixos temáticos: series, bodegóns, mariñas ou conceptos como a espiritualidade e/ou relixiosidade, a morte, etc. sempre desde un punto de vista realista, sen artificios técnicos, ás veces tinguido de metáforas visuais pero todos con ese fondo común que lle serve de inspiración: a paisaxe galega na súa grandiosidade ou cos seus pequenos elementos desde unha perspectiva xenérica ou parcial, ampla ou detallista.
As imaxes que Hixinio presenta son o froito dunha difícil selección dentro de toda a súa produción porque a súa obra xorde dunha necesidade de expresión ou plasmación da realidade dun xeito ás veces evocador, ás veces nostálxico, testemuñal/documental e sempre interesante. Presentamos tamén unha faceta súa máis descoñecida ao acompañar a exposición dunhas esculturas inéditas, froito da súa creatividade noutras formas artísticas que complementan a súa obra fotográfica.
Estas imaxes tamén reflicten un pasado e aproximan un futuro de maneira explícita, pero noutros casos -de forma máis metafórica- dándolle cabida á interpretación persoal do espectador e a un xeito de comunicación co autor e coa súa obra.
Estética, calidade e mensaxe únense nesta exposición do mundo interior e exterior de Hixinio porque tal como opina Begoña Bas, cando escribe sobre unha exposición do fotógrafo no Museo do Pobo Galego, “a fotografía é unha linguaxe cunha codificación específica e coa finalidade de comunicar a mensaxe e transmitir conceptos”. Pois ben, aquí temos tamén un xeito de mirar a realidade e os elementos que a conforman a través de composicións ou series de elementos reais que, dependendo da escala, parecen outra cousa aínda que o detallismo e a minuciosidade estean presentes en todas as fotografías realizadas.
Desfrutade da contemplación sen esquecer a reflexión.
Aurelia Balseiro García
Directora do Museo Provincial de Lugo
_________ITINERANCIA
-Sala de Exposicións do Centro Socio-Cultural "Manuel Díaz Sampedro", Barreiros. (Do 15 de outubro ao 5 de novembro de 2009).
Sala de Exposicións da Casa de Cultura de Lourenzá (Do 2 de decembro ao 7 de xaneiro de 2009).
-Sala de Exposicións do Centro Cultural de Burela( Do 19 de xaneiro ao 11 de febreiro de 2010).
-Sala de Expoiscións do Centro Comarcal da Ulloa, Palas de Rei (Do 30 de abril ao 31 de maio de 2010)
-Sala de Exposicións do Centro Comarcal Expo-Lemos, Monforte de Lemos (Do 30 de xuño ao 1 de setembro de 2010).
< voltar
|