01/02/2012
EXPOSICIÓN ITINERANTE: A Muralla no Museo / The wall-A Muralla (Peter Schneider), na Casa de Cultura de Lourenzá
Casa da Cultura de Lourenzá. (Desde o 1 ao 29 de febreiro de 2012). Exposición producida polo MPLugo "A Muralla no Museo / The wall-A Muralla (Peter Schneider)". + info>>
A EXPOSICIÓN
-A MURALLA NO MUSEO. PEGADAS ARQUEOLÓXICAS DA MURALLA
Paneis informativos con imaxes dos restos arqueolóxicos que procedentes da Muralla ou da súa contorna se poden visitar no Museo Provincial de Lugo.
-THE WALL- A MURALLA
8 fotografías da autoría de Peter Schneider, quen nos ofrece unha visión da Muralla "viva" e humanizada, como elemento de cohesión imprescindible entre a cidade e os cidadáns.
__________MÁIS INFORMACIÓN
Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
Tfno.: 982 242 112 / Fax: 982 240 240
info@useolugo.org
___________
Poucas dúbidas caben sobre a riqueza arqueolóxica da nosa capital como, de xeito máis extenso, a de toda a provincia. Por iso, a Deputación Provincial e, particularmente, o Museo Provincial, como institucións dinamizadoras, non esquecen que desta riqueza deriva o papel do Museo como centro conservador, investigador, expositor e difusor do noso legado patrimonial e que, polo mesmo motivo, non poden estar afastados de certas accións e conmemoracións culturais.
Hai que lembrar que este ano celebramos unha importante efeméride como é o décimo aniversario da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade: Unha muralla romana pero tamén romana, medieval, moderna e contemporánea, se temos en conta que leva xa connosco case dous mil anos.
O proxecto que presentamos, en relación con esta conmemoración, ten dúas partes: unha mostra arqueolóxica baixo o título “A Muralla no Museo” e outra de fotografía, “The Wall - A Muralla”, da que é autor Peter Schneider.
Ambas as dúas mostras serán exhibidas conxuntamente na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo, do 15 de xullo ao 30 de setembro e despois, con carácter itinerante, levarase por diversos centros da nosa provincia cuns obxectivos fundamentalmente didácticos e divulgativos.
A primeira, “A Muralla no Museo”, coordinada polo Departamento de Arqueoloxía, organízase en varios bloques: a cidade e a muralla, aproximación á epigrafía e formularios epigráficos romanos e recompilación das 28 inscricións que, procedentes da muralla, se custodian no Museo, ben como materiais recollidos ou, máis recentemente, como resultado de achados que son froito de diversas intervencións arqueolóxicas. A metodoloxía expositiva susténtase fundamentalmente en paneis con debuxos e fotografías, nos que predomina a imaxesobre a palabra, así como as reconstrucións de escenas ou elementos, utilizando a cor para resaltar as figuras que se consideran máis salientables. Todo iso baixo a idea da didáctica, da sinxela comprensión e dunha accesibilidade o máis aberta posible.
Pola súa banda, o fotógrafo alemán Peter Schneider, afincado en Lugo, preséntanos un conxunto de fotografías de gran formato e en cor. Tres visións da muralla, como apreciable legado monumental romano, como elemento construtivo inserido na paisaxe urbana e como un dos eixes sociais, lúdicos e de desfrute da nosa cidade. Na mostra únense as grandes panorámicas nas que a muralla e a cidade moderna se combinan en interesante contraste, con outras imaxes nas que, pola contra, pequenos obxectos resaltan contra o enorme volume do monumento. Nalgunhas tomas, a figura humana ollando, paseando, pensando, soñando polo adarve, ou aos pés, nas proximidades da muralla, queda empequenecida contra ese marco, aínda que sen perder protagonismo. Noutras é a muralla a que cede ante a figura humana, establecéndose unha inapreciable e recoñecible relación a tres bandas entre o monumento, a cidade e os seus moradores.
Pero fraco favor fariamos ao noso patrimonio se nos limitásemos a honralo só en efemérides espaciadas no tempo. De aí o noso compromiso co traballo continuado, coa acción concreta, co día a día, como modelo de actuación prioritaria, exemplarizada no desenvolvemento de actividades didácticas relacionadas coa muralla no MPL.
Tamén hai que destacar o carácter itinerante que lle imos dar a esta dobre exposición, tendo en conta que a muralla non é patrimonio exclusivo dos habitantes da cidade, senón que o seu desfrute debe estenderse máis alá, a nivel provincial. É por iso que este proxecto do MPL, impulsado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, tamén percorrerá a provincia durante os vindeiros meses.
Aurelia Balseiro García e Enrique J. Alcorta Irastorza
_________ITINERANCIA
-Sala de Exposicións do MPLugo (do 19 de xullo ao 30 de setembro de 2010).
-Sala de Exposicións do Centro de Interpretación da Mariña Lucense (CENIMA) ( Do 5 ao 30 de novembro de 2010).
-Sala de Exposicións do Auditorio de Vilalba ( Do 2 de decembro ao 7 de xaneiro de 2011).
-Casa Habanera de Guitiriz( Do 13 de xaneiro ao 10 de febreiro de 2011).
-Edificio Socio-Cultural e Xuvenil, Pantón (Do 14 de febreiro ao 13 de marzo de 2011)
-Museo Arqueolóxico de Cacabelos, León (Do 18 de marzo ao 8 de maio de 2011)
-Facultade de Humanidades, USC (campus de Lugo) (Desde o 16 ao 31 de maio de 2011)
-Torre da Homenaxe de Castro de Ouro (Alfoz). (Desde o 6 ao 30 de xuño de 2011)
-Centro Socio-cultural e xuvenil de Taboada. (Desde o 4 de agosto ao 4 de setembro de 2011.
-Casa de Cultura de A Pontenova. (Desde o 14 de setembro ao 16 de outubrode 2011).
-Casa da Cultura de Burela (Desde o 17 de outubro ao 3 de novembro de 2011).
-Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela (Do 9 de novembro ao 10 de decembro de 2011).
-Biblioteca Municipal de Ribas de Sil (Desde o 20 de decembro de 2011 ao 22 de xaneiro de 2012).
-Casa da Cultura de Lourenzá (Do 1 ao 29 de febreiro de 2012)
< voltar
|